3 de xuño: o tren Atlántico Express volve ao Porto

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá na estación de tren de Vigo-Guixar o “Atlántico Express”, o tren que unirá por segundo ano consecutivo as cidades de Vigo e Porto para promocionar os 8 + 1 festivais musicais que se desenvolverán este verán na provincia, os “Festivais Rías Baixas”.

O “Atlántico Express” sairá da estación de Vigo-Guixar o vindeiro 3 de xuño ás 8:56 horas “para promocionar algo extraordinario, fantástico, rompedor, único e auténtico como son os #RíasBaixasFests“, 8 + 1 citas “que non deberás perder”, sinalou a presidenta. Na viaxe en tren, a música en directo de Najla Shami, Mounqup e Basanta-Cromestesia.

Os Festivais Rías Baixas son o Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente (Caldas de Reis), PortAmérica (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán de Arousa) e Vive Nigrán (Nigrán), ademais dunha edición especial en Cambados por ser este ano Cidade Europea do Viño. O tren volverá ser o escenario da presentación dos #RíasBaixasFests e por primeira vez participan na viaxe blogueiras e blogueiros, instagrammers e xornalistas de Porto.