Info útil para vir a Sinsal SON Estrella Galicia #Vigo o 6 e 7 de outubro

Información útil Sinsal SON Estrella Galicia no Museo do Mar, 6 e 7 de outubro 2018

Sobre a programación no Museo do Mar o sábado 6

-O festival arranca as súas actividades ás 13h (concerto didáctico de DUAS, directos de Vudú e Sunset Rollercoaster, sesión DJ Viktor Flores, talleres de Sistema Lupo e Juanma Lodo), que son gratuítas até as 18h, que comezan os 4 concertos de pago (16mm, JFRD String Quartet, Baiuca, Niño de Elche + Los Voluble: En El Nombre De). Os concertos gratuítos teñen lugar nos xardíns do Museo do Mar. O recinto contará con área gastronómica e de bebidas.

Toda a programación, oferta gastronómica e venda de tickets en www.festival.sins.al. Os catro concertos de pago teñen un billete único de 20 euros + gastos.

Sobre os concertos nos estaleiros o domingo 7

-Os concertos do domingo 7 de outubro de Castello Branco en Astilleros Cardama e as Variacións Goldberg (Johann Sebastian Bach) por María del Mar Blanco Moreno, teñen as entradas esgotadas. Pregamos ao público asistente que siga as instrucións da organización dentro destes recintos, cuxa actividade habitual non é a celebración de eventos musicais. A partir das 12h estaremos agardándovos para chegar en grupo aos escenarios; se compraches a entrada de estaleiros como complemento á entrada do sábado 6, recorda levala, a pulseira do sábado non vale para o domingo.

Sobre o cashless no festival

Coa vosa entrada recibides unha pulseira de Sinsal SON Estrella Galicia de acceso aos concertos de pago. Para consumir comida ou bebida no festival, haberá unha pulseira distinta que podedes cargar con tarxeta bancaria ou efectivo na oficina do festival. A pulseira de consumo é o único medio para todas aquelas persoas que, vala a redundancia, consuman nos postos do festival. Don´t panic! É un sistema sinxelo e rápido. E se queres levar carga na túa pulseira antes de chegar ao festival podes facelo aquí.

-Non tiredes as pulseiras ao rematar o festival, ides precisar o código se queredes solicitar devolución de cartos. Está na parte traseira do chip. A partir do luns 8 ás 12h e até o luns 15 á mesma hora, a través da páxina http://www.festival.sins.al/ podedes solicitar a devolución. Ollo, se operades cunha conta estranxeira, o importe mínimo para solicitar devolución é de 3,50 euros.

-Para consultas técnicas (tales como non atopo a miña entrada no correo ou non recibo un mail de confirmación) aconsellámosvos, para axilizar, que vos comuniquedes co correo que o provedor do servizo pon á nosa disposición: ventas@enterticket.es. En calquera caso,o formulario web en http://www.festival.sins.al/ está ao voso dispor e intentamos resolver as vosas consultas o máis rápido posible.

Sobre as actividades con inscrición previa

Hai dúas actividades da programación do sábado 6 para as que pedimos inscrición previa se tedes interese. Os talleres de arquitectura Sistema Lupo dirixidos á rapazada entre 6 e 9 anos, con grupos de 15 en dúas sesións, 14:30 e 16:30, teñen inscrición previa e gratuíta no correo festival@sinsalaudio.org co asunto “taller sistema lupo” e indicándonos horario de preferencia. Ás 17h, a visita guiada ao Museo do Mar de Galicia, incluído acuario, está limitada a 30 persoas con entrada do festival (si, entrada para os concertos de pago) e pedímosvos inscrición no mesmo correo co asunto “visita guiada museo”.

Sobre como chegar
O Museo do Mar de Galicia está situado en liña de costa, no barrio de Alcabre en Vigo, un lugar marabilloso ao que podes chegar de moitas maneiras dependendo de onde veñas. Nós suxerímosvos paseos andando ou en bici, coche compartido (hai espazo para aparcar na contorna) ou autobús urbano (consultade as liñas que pasan por diante do Museo en www.vitrasa.es). E se tedes dúbidas escribídenos a festival@sinsalaudio.org

As persoas con entrada para o festival terán preferencia na compra de entradas Sinsal SON Estrella Galicia 2019 en San Simón (correspondencia entrada adulta por adulta, menor por menor).
Moitas grazas por axudarnos a construír o Sinsal SON Estrella Galicia no Museo de Mar de Galicia, en Vigo. Lembrádevos que tedes información e venda de entradas sobre o festival en www.festival.sins.al
Vémonos o fin de semana e agradecémovolo persoalmente!
.
.