África no cartel de Sinsal SON Estrella Galicia na xornada de apertura

O cartel secreto do xoves 26 de xullo en Sinsal SON Estrella Galicia levou sons de África á Illa de San Simón (Redondela). As primeiras en saír ao escenario Les Filles de Illighadad, un trío de mulleres tuareg de Nixer; despois foi a quenda, do proxecto galego Son da Memoria e pechou o cartel do primeiro día o músico guineano Alex Ikot. Ademais, na tarde do xoves artistas e poetas pariciparon nas sesións de gravación de Aleksander Kolkowski, que os rexistrou en cilindros de cera, e abriuse Zona Intermareal, unha iniciativa en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Sen colgar o cartel de sold out, pero con case 700 persoas na illa, arrancou o Sinsal SON Estrella Galicia 2018. O primeiro directo, o de Les Filles de Illighadad. En Agadez, no centro de Níxer, na metade dunha rexión famosa por ter un dos climas máis extremos da terra, Fatou Seidi Ghali aprendeu a tocar a guitarra de forma autodidacta na súa casa de barro. Este grupo de mulleres tuareg está triunfando en Europa coa súa impoñente e hipnótica proposta.

No Escenario San Antón New Balance tamén tivo lugar o concerto Son da Memoria, proxecto do músico e compositor redondelán, Seso Durán, cun relato sonoro da represión e do drama da Guerra Civil. Un fío que conecta pasado con presente, palabra con paisaxe e a historia política coa música popular inspirada nos movementos do rock internacional.

A xornada do xoves pechouse no escenario Buxos Fest Galicia ( que leva o nome da marca promovida pola Xunta de Galicia en apoio ao desenvolvemento dos festivais galegos). Alex Ikot foi o primeiro dos dous convidados que o Festival Vis a Vis, organizado por Casa África en Guinea Ecuatorial, traerá a San Simón. Álex Ikot é, quizáis, o máis internacional dos músicos locais, ao tocar durante a súa longa carreira con algúns dos máis grandes artistas africanos como Manu Dibango e Youssou N’Dour, ou iniciar os seus pasos ao lado do batería máis coñecido do continente, o mítico Tony Allen.

Aleksander Kolkowski e Zona Intermareal

Tamén o xoves comezaron as sesións abertas con Aleksander Kolkowski na Illa de San Antón coa participación de poetas e artistas. Compositor, violinista e investigador,o seu proxecto de maior envergadura até o momento é Phonographies, un arquivo de músicos contemporáneos, artistas e escritores gravados exclusivamente en cilindros de cera. Músicos e poetas, que participan no festival, deixarán registro nos cilindros de cera do británico Aleksander Kolwoski durante os cuatro días do evento.

Como xa aconteceu o pasado ano, a Facultade de Belas Artes, Campus Crea S2i e o festival presentaron un proxecto común na Capela da illa de San Simón:Zona intermareal, con obras de Noa Rodríguez e Cristian Benítez.