Esgotados os abonos Sinsal Son Estrella Galicia 15

O prometido é débeda. Non queriamos rematar abril sen poñer a disposición do público os abonos para o Festival Sinsal Son Estrella Galicia 2017. Onte martes 18 de abril puxéronse á venda pola mañá en ticketea os abonos de 3 e 2 días para o festival do cartel secreto. Nun par de horas esgotáronse os abonos de tres días e pouco despois os de dous días. A organización do festival agradece moito o interese e paciencia de todos os compradores deste primeiro día de venda. O luns 24 saen á venda as entradas de día. Tamén en ticketea.

Do 21 ao 23 de xullo chegarán á illa de San Simón unha vintena de artistas e grupos de diferentes puntos xeográficos e musicais para formar parte dese cartel que só se coñece ao desembarcar. E atención á novidade 2017: o abono conxunto Sinsal Son Estrella Galicia e Milhões de Festa (Barcelos, Portugal). Un abono que permite disfrutar do Sinsal Son Estrella Galicia o venres 21, inclúe desprazamento a Barcelos esa mesma noite, con acceso dúas noites ao festival portugués. Os equipos dos dous festivais, tras un tempo falando de trascender a alianza natural e promover iniciativas conxuntas, dan o primeiro paso en 2017. Os obxectivos: sumar conexións entre as escenas musicais galega e portuguesa e constituír esta área de libre circulación festivaleira na que un mesmo bono permite a visita a dous eventos que distan 115 quilómetros entre si, aproximadamente. Haberá palco Milhões na illa de San Simón e palco Sinsal en Barcelos.

Unha das singularidades do Sinsal Son Estrella Galicia é que o cartel é secreto; si, o público non coñece quen vai actuar até que desembarca en San Simón. O aforo do festival está limitado a 800 persoas cada un dos días. É importante que o que hoxe podemos desfrutar nós, poda continuar no futuro. Por este e outros motivos, Sinsal Son Estrella Galicia afástase da idea de festival multitudinario, ofrecendo unha serie de actividades nun espazo natural onde o público e o seu benestar son un piar central do proxecto. Nas últimas dúas edicións as entradas esgotáronse semanas antes da súa celebración.

Sinsal Son Estrella Galicia é un festival patrocinado por Son Estrella Galicia e New Balance. Conta co apoio de Agadic-Xunta de Galicia, Concello de Redondela, Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra.