(Galego) Inscríbete nos obradoiros Sistema Lupo no Museo do Mar de Galicia
Entre as actividades que vos propoñemos para o sábado 6 de outubro dentro da programación de Festival Sinsal SON Estrella Galicia están os obradoiros de Sistema Lupo. Son unha pasada, xa sabes, a través dun sistema modular converten á rapazada en arquitecta e sempre traballan en relación á contorna. Propóñennos grupos de 15 persoas en cada sesión (14:30 e 16:30), entre 6 e 9 anos. Pero, ollo, son tan estupendos que se alguén que excede a idade quere participar, non hai problema. Podedes inscribirvos previamente (e gratuitamente) en festival@sinsalaudio.org e, se sobran prazas, in situ, no mesmo Museo do Mar o sábado 6. Poñede no asunto do correo: talleres Sistema Lupo e nos apuntades o voso horario de preferencia.
Aquí vos explicamos de que vai:
14:30 e 16:30. Sistema Lupo: Obradoiros “Tipos lóxicos no Museo do Mar de Galicia”
Sistema Lupo propón unha serie de obradoiros de arquitectura e deseño para gozar en familia. Os obradoiros traballan sobre diferentes aspectos do proceso creativo a través do proxecto arquitectónico. Dada a peculiaridade do lugar, parte da didáctica estará centrada na arquitectura do Museo do Mar, obra dos arquitectos Aldo Rossi e César Portela, quen a través da arquitectura crearon unha obra que dialoga coa contorna, coas illas, co mar e coa xente. Analizaremos a esencia dun proxecto cheo de significantes e trataremos de construílo e reinterpretalo a través do xogo de bloques. Fiestras ao mar: desafíos para resolver retos a través do xogo. Despregaremos diferentes materiais de construción para xogar nunha contorna fantástica onde a arquitectura dialoga coa paisaxe; módulos, xeometría, tipoloxía, escala, música…E moito traballo en equipo, vinde a gozar con estes tipos lóxicos que son uns auténticos tolos dos bloques! Traballaremos co propio edificio, coa seriación, as fachadas, os volumes, abriremos fiestras ao mar e ao festival.