Que é

Sinsal SON Estrella Galicia en Vigo o 6 e 7 de outubro.

Sinsal SON Estrella Galicia celebra este ano o cambio estacional festexando a riqueza dos sons de hoxendía e presentando unha selección dos mesmos ao público en espazos singulares. O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, coa complicidade do seu patrocinador principal, esténdese os días 6 e 7 de outubro aos barrios de Alcabre e Bouzas, en Vigo, cun programa de concertos e actividades que se desenvolverá no Museo de Mar de Galicia (Xunta de Galicia) e nos estaleiros Freire e Cardama.

Dúas xornadas e dous espazos diferenciados, un institucional con titularidade da Xunta de Galicia, e outro empresarial-privado, para un programa que discorre por sons de Galicia, Brasil, Islandia, Taiwan ou Andalucía e que permite adiviñar un forte abrazo entre o tradicional e a experimentación. Cun aforo limitado a catrocentas persoas, o evento outonal conta cunha parte da programación de acceso libre o sábado 6 de outubro.

Desde as 13:00 horas e até as 18:00, o público pode participar de maneira gratuíta de diferentes actividades didácticas e concertos nos xardíns e no interior do Museo do Mar de Galicia. Tamén está prevista pola organización do festival unha selección gastronómica con bo produto a prezos razoables. A partir das 18:00 comezarán os concertos de pagamento. O domingo 7 ás 13:00 celebraranse dous concertos en dous estaleiros: Astilleros Cardama e Freire, ambos na avenida de Beiramar no barrio de Bouzas.

Se no mes de xullo, Sinsal SON Estrella Galicia converte a illa de San Simón na súa cabeza de cartel, en outubro a marca continúa ligada ao patrimonio do mar. Desta volta en dúas instalacións emblémáticas como o Museo do Mar de Galicia, deseñado nos primeiros noventa por Aldo Rossi e César Portela no solar do antigo matadoiro da parroquia viguesa de Alcabre, e os estaleiros Freire e Cardama, a fachada industrial da vila de Bouzas, que se converte en escenario musical o domingo 7.

As actividades do festival entre 13:00 e 18:00 do sábado 6 de outubro teñen acceso gratuíto, até completar aforo.

Para solicitar a devolución dos cartos cargados na pulseira cashless e non gastados, lembra gardar a pulseira co seu código. A devolución pode solicitarse desde o luns 8 ás 12h ao luns 15 á mesma hora a través da páxina www.festival.sins.al. As persoas con entrada para o festival terán preferencia na compra de entradas Sinsal SON Estrella Galicia 2019 en San Simón (correspondencia entrada adulta por adulta, menor por menor).

Sábado 6 (acceso libre)

13:00. Concerto didáctico “Raíces”. DUAS. Escenario Grupo Viqueira

DUAS dá nome ao conxunto formado polas dúas percusionistas galegas, Marta Rodríguez Figueiredo (Ourense, 1988) e Sabela Caridad García (Sada, 1988). Ambas estudaron baixo a docencia do percusionista Alejandro Sanz, pero non se coñeceron até o ano 2005, no que coincidiron por vez primeira nun encontro da Orquestra Moza da Sinfónica de Galicia (JOSG). RAÍCES é o segundo espectáculo didáctico orixinal creado por DUAS, con versión reducida para dous percusionistas. Nel coñeceremos algúns dos instrumentos de percusión e cancións tradicionais africanas. A través da percusión e o canto introducirémonos nas raíces do continente veciño.

14.00. Vudú. Escenario Grupo Viqueira

Vudú é unha proposta do dúo formado por Belém Tajes (voz e teclados), cantante ademais de Luar na Lubre desde 2017, e Maritxinha (baixo), ambas radicadas na Coruña. Mesturan sen pudor o soul e o folk, dando lugar ao que elas chaman, en clave de humor, soulk. Artistas que citan como fonte de inspiración? Marful, Carmen Rey, Xabier Díaz, Erykah Badu, Nik West, Stevie Wonder…Gañadoras do Premio Martín Códax da Música Galega 2017 na categoría Soul/ Funk/ Blues, Vudú acaba de publicar o seu último traballo, Eu son Voodoo Vol. II, onde inclúen letras do cancioneiro tradicional galego con harmonías da música negra.

15:00. Sesión musical co DJ Viktor Flores (Sinsal /Certain Music). Escenario Grupo Viqueira

Máis de vinte anos desde que se converteu no DJ residente da sala Vademecum en Vigo e máis de quince desde que foi seleccionado como único artista español na Red Bull Music Academy que se celebrou na Cidade do Cabo. O vigués Viktor Flores leva moitos quilómetros percorridos e ducias de escenarios. Nas súas sesións de club, os sons House e Disco son protagonistas, pero tamén vira cara apuntamentos de Pop Electrónico, New Wave, Afro e Italo-Disco ou sons tropicais. Foi tamén un dos membros fundadores do colectivo Sinsalaudio.

16:30. Sunset Rollercoaster. Escenario Grupo Viqueira

A banda taiwanesa Sunset Rollercoaster (logrou) vén de conquistar unha escena musical independente continental que, aínda que en occidente continúa esquecida, segue sumando máis e máis artistas procedentes de Corea do Sur, Taiwán, Indonesia, Vietnam, Filipinas, China, etc. O seu álbum debut, «Bossa Nova», publicouse en 2011 e recibiu rapidamente eloxios da crítica. Desde entón, Sunset Rollercoaster lanzou o seu segundo álbum «Cassa Nova» en 2018, que permitiu abrir novos plans de xira en varias cidades de Asia, a súa segunda cita por América do Norte e a visita por primeira vez a Europa e América do Sur. Os responsables desta fórmula “easy listening” ou “pop vintage” son o cantante, guitarrista e compositor Kuo Hung Tseng, o baixista Hung Li Chen, o tecladista Shao Hsuan Wang, o baterista Tsun Lung O e o percusionista Hao Chia Chang.

Sábado 6 (con entrada)

18:00. 16 mm. Escenario Mar

16 mm é o proxecto no que Macarena Montesinos (violonchelo) e Paulo Pascual (theremin) traballan na “musicalización” (composición, interpretación, improvisación) do cinema ao vivo. Nun momento en que o cinema se trataba de inventar, o pioneiro Segundo de Chomón pensou no cinema como unha ferramenta para contar algo máis que a realidade, e atopou o espazo onde dar vida a historias fantásticas. Nacido en Teruel e contemporáneo de Méliès, perfeccionou a súa técnica – mesmo deseñou unha máquina para dar cor ás películas mudas–, e adiantouse con stop- motion, etc. A fantasía e enxeño visionario que destilan moitas destas pezas curtas de Chomón, son ambientadas coa música ao vivo de 16 mm: violonchelo, theremin e tecnoloxía actual para o cinema innovador de principios do século vinte.

19:30. JFDR String Quartet. Escenario SON Estrella Galicia

JFDR é o proxecto en solitario de Jófríður Ákadóttir, voz dos islandeses Samaris. Esta prolífica voz, que obsesionou a Björk, necesitaba un proxecto 100 % persoal, e con “Brazil” (2017), o seu LP de debut en solitario, alcanzou esa intimidade que non podía conquistar nas súas outras empresas: delicadas paisaxes minimalistas nas que as palabras de Jófríður destacan entre as composición electrónicas. Non só Björk quedou encantada con ela: hai uns meses, Jón Þór Birgisson de Sigur Rós incluíu «White Ferrari», o seu cover de Frank Ocean, nunha selección de música islandesa que armou para a BBC. Boa parte do ano pasado estivo instalada en Nova York e percorreu Europa, onde terminou o seu circuíto cunha xira por Inglaterra. Para este concerto en Sinsal SON Estrella Galicia colabora co cuarteto de corda formado por María José Pámpano, Carmen Gallego (violíns), Margarida Mariño (violonchelo) e Aida Álvarez (viola).

21:00. Baiuca. Escenario Mar

Baiuca é un proxecto persoal que tenta achegar a tradición galega á vangarda, á electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas, gaitas ou voces tradicionais; asócianse con sintetizadores, caixas de ritmo e programacións. Detrás do proxecto atopámonos a Alejandro Guillán, Alex Casanova, quen xa sorprendera cun synth pop realmente brillante, conxugando hedonismo 80s e pop electrónico con espírito clásico e sintético. Todo iso quedou reflectido en “Antagonasia” (Crispis, 2014). Na música de Baiuca atopamos elementos reconocibles de músicos como Carlos Núñez – especialmente as frautas-, Mercedes Peón, Xosé Lois Romero ou Milladoiro, pero tamén propostas electrónicas como as de Nicola Cruz ou Chancha Vía Circuíto.

22:30. “En el nombre de”. Niño de Elche + Los Voluble. Escenario SON Estrella Galicia

Niño de Elche e Los Voluble propoñen, pensan e fan xuntos desde 2015 os espectáculos audiovisuais titulados “Raverdial” e “En el nombre de”. Unha das voces flamencas con máis risco no poético, no político e no estético e cunha aposta firme pola investigación en músicas e escenas afastadas do folclore máis tradicional, Niño de Elche, comparte aventura cos Voluble, francotirador dúo DJ/ VJ que vén facendo ruído desde mediados dos 90. Estreado en 2016 dentro do Festival Sónar este proxecto de Niño de Elche e Los Voluble é un espectáculo audiovisual no que o dúo audiovisual de Sevilla e o cantaor ex-flamenco Niño de Elche desenvolven e amplían a súa artillería sonora, política e visual que xa apuntaran co mítico Raverdial. O discurso deste espectáculo, no que se acompañan da zanfona de Raúl Cantizano e as bases e ruídos de Pablo Peña (Fiera e Pony Bravo), é sobre as fronteiras, as físicas e as internas. Asumindo a fronteira sur de Europa como unha das grandes desgrazas do mundo actual toma o mar mediterráneo como centro de intercambio cultural e de aí son capaces de utilizar os chamados cantes de ida e volta e os sons de África e América. O mar como un cemiterio dá paso tamén á idea dos corpos en tránsito. Ademais de poemas e letras populares do flamenco este espectáculo utiliza textos inéditos de Paul B. Preciado, filósofo queer e activista. Grazas a ferramentas como o sampling, a remestura audiovisual, as caixas de ritmos ou os efectos, Niño de Elche e Los Voluble poñen sobre o escenario un discurso no que o fronteirizo xoga cos seus propios límites.

Voz: Niño de Elche / Audiovisuais e samples: Los Voluble / Zanfona e sintetizadores: Raúl Cantizano/ Bases electrónica e ruídos: Pablo Peña /Técnico de son: Raúl Pérez (La mina)/ Fotografía oficial: Celia Macías

Sinsal obradoiros Museo do Mar de Galicia:

13:30. Sesións Do, Re, Bip, con Juanma Lodo.

Sesións Bip con Juanma LoDo é unha actividade didáctica que nace dentro dos concertos didácticos Do, Re, Bip comisariados por Sinsalaudio no Museo MAC de A Coruña .Durante as sesións hai unha pequena introdución á música dixital coa que se explica de maneira breve o uso de cada instrumento electrónico. O público divírtese e aprende conceptos básicos sobre la produción musical dixital mediante a manipulación de instrumentos electrónicos. Aprender que é un sintetizador, unha caixa de ritmos, un sampler, un loop, os bpm, os efectos de son… e até facer música usando froitas. Aforo limitado.

14:30 e 16:30. Sistema Lupo. Obradoiros “Tipos lóxicos no Museo do Mar de Galicia”

Sistema Lupo propón unha serie de obradoiros de arquitectura e deseño para gozar en familia. Os obradoiros traballan sobre diferentes aspectos do proceso creativo a través do proxecto arquitectónico. Dada a peculiaridade do lugar, parte da didáctica estará centrada na arquitectura do Museo do Mar, obra dos arquitectos Aldo Rossi e César Portela, quen a través da arquitectura crearon unha obra que dialoga coa contorna, coas illas, co mar e coa xente. Analizaremos a esencia dun proxecto cheo de significantes e trataremos de construílo e reinterpretalo a través do xogo de bloques. Fiestras ao mar: desafíos para resolver retos a través do xogo. Despregaremos diferentes materiais de construción para xogar nunha contorna fantástica onde a arquitectura dialoga coa paisaxe; módulos, xeometría, tipoloxía, escala, música…E moito traballo en equipo, vinde a gozar con estes tipos lóxicos que son uns auténticos tolos dos bloques! Traballaremos co propio edificio, coa seriación, as fachadas, os volumes, abriremos fiestras ao mar e ao festival. Aforo limitado.

17:00. Visita guiada ao Museo do Mar de Galicia e a súa colección. Inscrición previa. Aforo limitado: 30 persoas.

Domingo 7 (con entrada)

12:30. Castello Branco. Astilleros Cardama. Entradas esgotadas

Castello Branco é un dos maiores talentos da súa xeración en Brasil. Coa lección ben aprendida na música tradicional brasileira e achegando a dose adecuada de curiosidade e espiritualidade Branco asinou un disco de debut, “Serviço” que deixou sen respiro desde a primeira escoita. Regresa cun novo disco, “Sintoma”, que segue o ronsel do seu anterior traballo e que o converte nunha realidade dentro da nova escena no seu país. Castello Branco non disimula as súas raíces, pero sabe vestilas de maneira adecuada para non soar a algo recoñecible. Hai moita beleza nas súas composicións, moitos pequenos detalles en cada recuncho que converten as súas cancións en instantes cheos de felicidade e nostalxia. Branco ten unha facilidade esmagadora para encadear melodías con delicados sons e ese toque que os músicos brasileiros saben achegar ás súas composicións.

12:30. María del Mar Blanco Moreno interpreta as Variacións Goldberg de Johann Sebastian Bach. Construcciones Navales Freire. Entradas esgotadas

En colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo. María del Mar Blanco Moreno é actualmente profesora de clave no Conservatorio Superior de Música de Vigo e compaxina a docencia coa actividade concertística, tanto ao piano como no clave, tocando en grupos de música de cámara e realizando estreas de música contemporánea. Nacida en Madrid en 1981, comeza os seus estudos musicais aos 11 anos de maneira autodidacta. Aos 16 ingresa no Conservatorio Adolfo Salazar onde estuda piano con Eva Alcázar e Música de Cámara con Aníbal Bañados, titulándose 3 anos despois como profesora de Piano, Solfexo, Teoría da Música, Transposición e Acompañamento. Como complemento á súa formación, licénciase en Historia e Ciencias da Música na Universidade de Salamanca.Tamén é Titulada Superior en Clave polo Conservatorio Superior de Castela e León onde estudou con Pilar Montoya e baixo continuo con Saskia Roures e Carmen Leoni.

Patrocinadores

PATROCINADOR PRINCIPAL

ORGANIZA

PATROCINADORES INSTITUCIONAIS