Sinsal Son Estrella Galicia 2017, esgotado

Esgotamos as entradas para os 3 días: 21, 22 e 23 de xullo. Grazas a todas as persoas que mercáchedes a vosa entrada para estar na Illa de San Simón (Redondela). E grazas especiais e desculpas a todas aquelas que non conseguistes entrada para o día que queríades. En 2017 a demanda de entradas para o festival, especialmente para a xornada do sábado 22 de xullo, multiplicouse por quince. Se en 2016 tiveron que pasar once días para colgar o cartaz de esgotado o sábado, en 2017 só foron catro horas.

Escoitamos queixas sobre a plataforma de venda. Somos conscientes de que a compra de entradas foi para moitas persoas un proceso complicado. A plataforma dá 15 minutos para cada compra e cada xestión que se inicia conta. Para evitar que a persoa que inicia unha compra chegue ao final da mesma sen entradas dispoñibles, o sistema ao detectar que o aforo está cuberto bloquea calquera inicio de compra até confirmar as compras en curso. Esta circunstancia fai que en moitos momentos fose imposible iniciar unha compra. Algo así como “facer cola”.

Non queremos botar balóns fóra. Posiblemente a plataforma, como case todo, é mellorable. Pero temos que dicir que, nin na mellor previsión, contabamos con esgotar o sábado en 4 horas e o domingo en catro días. Moito tráfico para un aforo tan limitado. Só podemos dicir grazas. Sabemos que para algúns sinsaleiros este será o primeiro ano sen ir á Illa ao non poder conseguir a entrada do día desexado. Agardamos volver a vervos pronto, algo se nos ocurrirá.