Un Sinsal de 4 días por segundo ano consecutivo

Esta edición arranca en xoves, por segundo ano consecutivo, coa presentación de novos proxectos cos nosos colaboradores e, claro, música en directo. O venres 27, 4 concertos secretos na illa. E moi importante! En 2018, repetimos o formato que xa fixemos en anos anteriores co cartel do sábado 28 e domingo 29. Serán dúas xornadas case “xemelgas” artísticamente, repetindo o 90% do cartel dun día para outro, con sete concertos mínimo cada un dos días.

A confirmación de barcos e horarios dispoñibles en 2018 vai un pouco máis lenta do esperado, por razóns que teñen que ver coa organización do transporte da ría. Aínda non podemos ofrecervos os horarios definitivos dos barcos e, polo tanto, non podemos poñer en marcha a venda. Si podemos dicir que sairán primeiro os abonos venres/sábado e venres/domingo e, despois, as entradas de día e que será a través da plataforma ticketea.

Esperamos comunicarvos moi pronto e con antelación as datas de venda. Grazas polo voso interese e paciencia.