Vota en Sonidos Mans ás bandas que optan aos #RíasBaixasFests

Douscentos vinte grupos de toda a península inscribiron a súa maqueta no proxecto #sonidosmans cuxo premio, ademais da gravación dun EP, inclúe un concerto nalgúns dos Festivais Rías Baixas 2017. O estudio de gravacións Estudios Mans, unha iniciativa da Fundación Paideia, puxo en marcha esta plataforma a mediados do mes de febreiro en colaboración cos promotores dos festivais. As bandas interesadas tiveron oportunidade de subir as súas maquetas cun só tema e optar a ser preseleccionadas até finais de abril.Agora ábrese o periodo de votación popular até o 31 de maio.

Son seis os festivais das Rías Baixas que acollerán nas súas edicións deste ano a unha banda procedente de #sonidosmans: Portamérica, O Marisquiño, Son Rías Baixas, Atlantic Fest, Revenidas e Sinsal Son Estrella Galicia. O seguinte paso a dar é escoitar ás bandas na páxina sonidosmans.com, pinchando en cada un dos festivais e decidindo que banda vos parece mellor para cada unha das citas Rías Baixas.

Das votacións populares sairán os dez grupos seleccionados, que terán que someterse despois ao criterio dun xurado profesional (un por festival) que tamén terá que decidir por maioría. O fallo, o 15 de xuño. No caso de Sinsal Son Estrella Galicia, con cartel secreto, esta será a primeira banda da que se coñeza o nome antes do festival.