Sinsal Outono 14 Vigo con Lloyd Cole, Derek Gripper, 65daysofstatic, Thought Forms e Paddy Steer

Vigo volve a ser escenario en 2016 deste novo Sinsal Outono. Catro propostas, programadas coa complicidade da administración municipal, que en 2016 teñen un sabor predominantemente británico. Un peso pesado da música do Reino Unido como é Lloyd Cole, será o encargado de abrir o festival o 29 de setembro no Auditorio Municipal do Concello nun concerto en solitario no que percorrerá os seus grandes éxitos. A excepción ao carácter británico desta edición vén da man de Derek Gripper, o músico sulafricano que está colocando a tradición musical da kora na escena occidental (15 outubro, Casa das Artes); continuarán a senda outonal de Sinsal os 65daysofstatic, formación instrumental de Sheffield cun ampla traxectoria no post-rock, que estarán precedidos polos Thought Forms, que desde Bristol chegan bendecidos polos mesmísimos Portishead (28 outubro MARCO). Pecha o Sinsal Outono 14 o camaleónico e pioneiro músico de Manchester Paddy Steer (2 novembro MARCO).

O Festival Sinsal acadou xa un altísimo grao de identificación coa súa cidade, sendo recoñecido como unha peza importante do seu tecido cultural no ámbito da música, grazas ao apoio do concello de Vigo. Camiño da década e media son moitas as persoas que se achegaron á nosa cidade para seguir algún dos eventos con selo Sinsal. Agardamos espertar de novo curiosidades neste Sinsal Outono 14 Vigo.

As entradas para os concertos de Lloyd Cole (29 setembro) e 65daysofstatic + Thought Forms (28 outubro) están dispoñibles en anticipada en A Taquilla, Honky Tonk Discos e Discos Elepé.

Sinsal Outono 14 Vigo

Lloyd Cole playing the classic Lloyd Cole songbook 1983–1996. 29 setembro, 21:00h. Auditorio Municipal do Concello. Entrada: 12 euros (anticipada en ataquilla.com, Honky Tonk Discos e Elepé Discos). 15 euros (billeteira)

 Derek Gripper. 15 outubro, 20:30h. Casa das Artes. Entrada: 5 euros

 65daysofstatic + Thought Forms. 28 outubro, 20:30h. MARCO. Entrada: 10 euros (anticipada en ataquilla.com, Honky Tonk Discos e Elepé Discos) 13 euros (billeteira)

 Paddy Steer, 2 novembro, 20:30h, MARCO. Entrada: 5 euros

A billeteira dos recintos abrirá media hora antes de cada concerto, agás no caso do Auditorio Municipal do Concello que abre unha hora antes.

Todos os concertos terán lugar ás 20:30h, excepto Lloyd Cole que comezará ás 21:00.