A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá na estación de tren de Vigo-Guixar o «Atlántico Express», o tren que unirá por segundo ano consecutivo as cidades de Vigo e Porto para promocionar os 8 + 1 festivais musicais que se desenvolverán este verán na provincia, os «Festivais Rías Baixas».
O «Atlántico Express» sairá da estación de Vigo-Guixar o vindeiro 3 de xuño ás 8:56 horas «para promocionar algo extraordinario, fantástico, rompedor, único e auténtico como son os #RíasBaixasFests«, 8 + 1 citas «que non deberás perder», sinalou a presidenta. Na viaxe en tren, a música en directo de Najla Shami, Mounqup e Basanta-Cromestesia.
Os Festivais Rías Baixas son o Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente (Caldas de Reis), PortAmérica (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán de Arousa) e Vive Nigrán (Nigrán), ademais dunha edición especial en Cambados por ser este ano Cidade Europea do Viño. O tren volverá ser o escenario da presentación dos #RíasBaixasFests e por primeira vez participan na viaxe blogueiras e blogueiros, instagrammers e xornalistas de Porto.