Despois de esgotar as entradas para os tres días de festival (21, 22, 23 xullo), a organización de Sinsal Son Estrella Galicia decidiu en 2017 ampliar o seu programa ao xoves 20 de xullo; un programa reducido, con enfoque profesional pero tamén aberto ao público nunha cantidade limitada. Con saída única desde o porto de Meirande (Redondela). Un día especial no que inaugurar as intervencións artísticas nos valados dos escenarios do festival e ver dous concertos…secretos. Ás entradas á venda, en ticketea.
Si, con sorpresas. Sinsal Son Estrella Galicia non fica cómodo se non incorpora novedades en cada edición. E en 2017 zarpamos xa o xoves 20 de xullo para a Illa de San Simón. Será unha versión reducida e especial do festival, para 200 persoas máximo, dirixido especialmente ao público local, no que contaremos con convidados profesionais de dentro e fóra de Galicia e coa inauguración do proxecto dun grupo de artistas vinculadas á Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e a Esdemga. Un proxecto mediante o cal cinco artistas intervirán os valados que separan o escenario do público.
Teresa Búa, Miriam Cartagena, Claudia González, Yolanda Ríos Coello e Lara Santos Fariña son as artistas encargadas de transformar estes elementos de seguridade en pezas de arte con motivos de mar, natureza e música. As súas propostas transformarán os tres escenarios principais: Escenario San Simón-Son Estrella, Escenario San Antón-New Balance e Escenario Buxos.
A saída do barco o xoves 20 de xullo terá lugar desde o porto de Meirande en Pontevedra ás 18:45. O programa da xornada inclúe visita guiada polas instalacións artísticas, dous concertos secretos (20:15 e 21:15) e un encontro profesional, tamén aberto ao público, desde as sete da tarde. Ao redor do título “Buscando o festival perfecto” e da sostibilidade como eixo temático, o encontro estará moderado por Gerardo Cartón, autor de publicacións como “El manual del perfecto festivalero”. O retorno a Meirande, ás 22:15.