Sinsal Son Estrella Galicia e Milhões de Festa poñen en marcha un abono conxunto

Un abono para dous festivais? Un situado en Galicia, outro en Portugal? Si, parece que si. En 2017 dous festivais, con algunha que outra afinidade, como son o Sinsal Son Estrella Galicia (21-23 xullo, Illa de San Simón, Redondela, Galicia) e o Milhões de Festa (20-23 xullo, Barcelos, Portugal) poñen en marcha un bono conxunto. Un novo abono que permite combinar, a un e outro lado do Miño, dous dos festivais de música con máis prestixio na península. O abono Sinsal Son Estrela Galicia-Milhões de Festa permitirá asistir o venres 21 aos dous eventos e o sábado 22 á cita de Barcelos.

Non se poden agachar as afinidades entre as dúas citas. No caso de Sinsal Son Estrella Galicia, os seus directores Julio Gómez e Luis Campos, sinalaron en moitas ocasións que o cartel e a filosofía do festival de San Simón teñen un “alma xemelga” en Barcelos. O Milhões de Festa, promovido por Lovers & Lollypops desde 2006, cunha dimensión e concorrencia considerablemente maiores que a do festival galego -ao redor de cinco mil persoas por día-, comparte con este referencias musicais de todo o mundo e gusto por diferentes linguaxes artísticas. Así mesmo, en ambas citas, o elemento acuático é definitorio. Na Illa de San Simón, o mar da Ría de Vigo; en Barcelos, a piscina, espazo central da música ao vivo no Milhões .

Os equipos dos dous festivais, tras un tempo falando de trascender a alianza natural e promover iniciativas conxuntas, dan o primeiro paso en 2017. Os obxectivos: sumar conexións entre as escenas musicais galega e portuguesa e constituír esta área de libre circulación festivaleira na que un mesmo bono permite a visita a dous eventos que distan 115 quilómetros entre si, aproximadamente. Haberá palco Milhões na illa de San Simón e palco Sinsal en Barcelos.

Aquelas persoas que o adquiran poderán disfrutar dos concertos diurnos que propón Sinsal Son Estrella Galicia para o venres 21 de xullo (a xornada remata ao redor das dez da noite), con cartel secreto até desembarcar na illa; retomar a música en directo esa mesma xornada no Milhões e acceder ao festival de Barcelos na xornada do sábado 22 de xullo. O abono, con cupo limitado e cun prezo inicial de 55 euros, permite o campismo gratuíto durante as dúas noites no Milhões de Festa, de acordo coas normas do festival.

A colaboración arrancou oficialmente este 31 de marzo coa actuación de The Partisan Seed (Portugal) no Sinsal Anecoico que se desenvolve na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

Abono Sinsal a Milhões

Abono 2 días Sinsal Son Estrella Galicia (Illa de San Simón, Redondela, Galicia) + Milhões de Festa (Barcelos, Portugal). Acceso aos dous festivais o venres 21 e acceso a Milhões sábado 22. 55 euros. A partir do 07/07: 65.
Cupo limitado
Até 16 anos (incluídos): 14 euros. A partir do 07/07, 16. Cupo limitado
Á venda en ticketea.com
O abono de dous días Sinsal Son Estrella Galicia e Milhões de Festa inclúe o barco ida e volta á Illa de San Simón o venres 21 e o transporte de ida a Barcelos ese mesmo día desde o Centro de Interpretación de Meirande (Redondela) ás 22:45. O acceso a Milhões de Festa inclúe campismo gratuíto durante venres e sábado.