Son Estrella Galicia e New Balance renovan a súa aposta por #SinsalSonEG
Un ano máis o Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra na Illa de San Simón (Redondela) do 22 ao 24 de xullo, conta coa confianza de dous importantes patrocinadores privados. En 2016 o festival conta co apoio renovado de Son Estrella Galicia, do que leva con ilusión o seu nome e con New Balance, marca de prestixio internacional, con distribución para toda a península desde Redondela.
Estrella Galicia é unha marca que non só vende cervexa senón experiencias e esa é unha das razóns do seu importante apoio a #SinsalSonEG. New Balance, pola súa parte, destaca polo seu emprego de materiais de calidade e investimento en I+D, unha filosofía que casa coa do propio festival.
Non esquecemos que o Festival Sinsal en San Simón non sería posible sen a axuda e a colaboración das institucións públicas, que confían neste evento tan especial: a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación» Universitaria da Xunta de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC; Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra; e o Concello de Redondela, poboación onde están localizadas as Illas de San Simón e San Antón e boa parte da fermosa Enseada de San Simón.