“Atlántico Express. Viaxando cos Festivais Rías Baixas” consistirá nunha viaxe en tren ata Porto desde Vigo, con saída ás 9.05 do sábado 4 de xuño, amenizada musicalmente por Best Boy e con degustacións de produtos gastronómicos das Rías Baixas. Xa na cidade portuguesa, terá lugar un acto de promoción, con música en directo e degustación de produto galego, ante xornalistas e turoperadores lusos para dar a coñecer o destino Rías Baixas e os Festivais que durante o verán teñen lugar na provincia de Pontevedra. A viaxe de volta desde Porto terá lugar ás 20:00 horas tamén con música en directo, neste caso de Glockenwise e Su Garrido Pombo, e degustación de produtos a bordo do tren.
Julio Gómez – portavoz dos sete festivais da provincia de Pontevedra incluídos na iniciativa da Deputación de Pontevedra- subliñou que “España e Portugal están a ocupar un lugar moi destacado no mundo dos festivais polo que esta actuación se trata dunha oportunidade de promover os Festivais Rías Baixas da man dos principais festivais portugueses e dos Museos Serralves de Porto e MARCO de Vigo”.
A iniciativa “Festivais Rías Baixas, sete citas que non deberás perder” está integrada polos eventos musicais Cultura Quente (24 e 25 de xuño, Caldas de Reis), Atlantic Fest (1 a 3 de xullo, A Illa de Arousa), PortAmérica (15 e 16 de xullo, Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (22 a 24 de xullo, Redondela), SonRías (4 a 6 de agosto, Bueu), O Marisquiño (12 a 14 de agosto, Vigo) e Revenidas (19 a 21 de agosto, Vilagarcía de Arousa).
Reserva xa o teu billete en renfe.com para subir ao Atlántico Express!