Compromiso coa igualdade #sinsalporigual

Sinsal está comprometido coa sostibilidade en todos os seus ámbitos e especialmente no ámbito social. Por iso, hai xa varios anos comezamos a desenvolver e implantar políticas específicas de igualdade co obxectivo xeral de corrixir situacións de discriminación cara as mulleres. Estas políticas, que utilizan a acción positiva como estratexia de actuación, teñen como obxectivos específicos:

-Superar os obstáculos específicos que dificultan ás mulleres o exercicio dos seus dereitos.
-Equiparar as oportunidades entre homes e mulleres
-Transformar as relacións de xerarquía modificando roles e estereotipos tradicionais.

Coa posta en marcha destas políticas chegamos á edición de 2018:

-cun equipo principal de produción do festival no que un 60% dos postos estás ocupados por mulleres.
-cunha programación que conta cun 44% de bandas lideradas por mulleres, un 44% de bandas lideradas por homes e un 12% con liderado mixto.
-cunha proposta de festival que permite conciliar nunha contorna envexable e sen aglomeracións a vida familiar coa descuberta de propostas musicais e coa participación nas actividades paralelas do festival.
-cun público onde o número de mulleres e homes é practicamente o mesmo.
-e cunha proposta de actividades paralelas organizadas practicamente todas por mulleres como os roteiros conducidos pola especialista en arte e paisaxe Iria Vázquez ou a proposta artística de Arte y Garabato. Así mesmo, dúas actrices exercerán de mestras de cerimonias nesta edición na illa: Marta Pérez e Diana Sieira.

Ademais, no noso compromiso polo fomento da igualdade, desde Sinsal
colaboramos activamente coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo a
través da posta en marcha de accións e intervencións baseadas na
vangarda e a consciencia crítica.