Entradas á venda para Sinsal SON Estrella Galicia no Museo do Mar #Vigo

Desde hoxe martes 25 de setembro xa podedes adquirir AQUÍ as entradas para Sinsal SON Estrella Galicia en Vigo os días 6 e 7 de outubro. O sábado 6 de outubro no Museo do Mar do Galicia, non só con concertos, senón con obradoiros, actividades e propostas gastronómicas nos xardíns do museo. Desde as 13:00 até as 18:00 o programa é gratuíto con concerto didáctico de DUAS, obradoiros de Juanma Lodo e Sistema Lupo e as actuacións de Vudú, Sesión DJ con Viktor Flores (Sinsal /Certain Music) e dos taiwaneses Sunset Rollercoaster.

A partir das 18:00, comezan os catro concertos de pago tamén no Museo do Mar con 16mm, a proposta do thereminista Paulo Pascual e a chelista Macarena Montesinos ao redor do cinema de Segundo de Chomón; JFDR String Quartet, proxecto persoal da islandesa Jófríður Ákadóttir, acompañada nesta ocasión polo cuarteto de corda formado por María José Pámpano, Carmen Gallego (violíns), Margarida Mariño (chelo) e Aida Álvarez (viola); Baiuca, o proxecto electrónico que bebe do tradicional emprendido por Alex Casanova e, para pechar a xornada, prato forte con Niño de Elche + Los Voluble co espectáculo “En el nombre de”. O ticket para os catro concertos de pago terá un prezo de 20 euros máis gastos de xestión.

O domingo 7 dous concertos, cun aforo limitado a cen persoas cada un, ás 12:30 ambos. En Astilleros Cardama, a actuación dun dos maiores talentos da nova música de Brasil, Castello Branco, e en Freire, as Variacións Goldberg da man de María del Mar Blanco Moreno, solista de clave e piano que colabora coa Orquestra Clásica de Vigo. Cada concerto ten un prezo de 10 euros máis gastos de xestión.

Se adquires entrada para o festival, terás opción preferente na compra das entradas Sinsal SON EG San Simón 2019 (entrada adulta por adulta e menor por menor).
Se adquires entrada para o sábado 6 e queres ir a algún dos concertos dos estaleiros do domingo 7, tes desconto.
.