Presentación en Vigo do Sinsal Son Estrella Galicia 2016

Presentouse a nova edición do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebrará do 22 ao 24 de xullo na Illa de San Simón (Redondela). O acto tivo lugar no espazo de Estrella Galicia en Vigo e contou coa presenza dos principais patrocinadores do festival: Son Estrella Galicia, New Balance, Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e concello de Redondela.

Victor Mantiñán, de Estrella Galicia, actuou como anfitrión e mestre de cerimonias destacando o papel do festival Sinsal como “prescriptor musical, cazador de talentos, un dos festivais que mellor encarna os valores da nosa marca”. O Festival Sinsal Son Estrella Galicia acadou en 2015 o Premio Fest ao Mellor Festival de Formato Pequeño de España. Xulio Gómez, codirector do Festival Sinsal Son Estrella Galicia xunto a Luis Campos, destacou o traballo desenvolvido durante todo o ano con eventos promocionais en Madrid, as sesións anecoicas na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo ou a campaña #RíasBaixasFests promovida desde a Deputación.

O orzamento do Festival Sinsal Son Estrella Galicia en 2016 é de aproximadamente 150.000 euros. Destacou o codirector do Festival Sinsal Son Estrella Galicia Xuliio Gómez o equilibrio no financiamento do festival entre patrocinio privado, institucional e ingresos propios, “prácticamente ao 30% en cada un deses capítulos”. Un 35% de orzamento destínase a cachés artísticos e un 45% a produción. En 2016 a organización do festival asinou un convenio con ADAMI, a axencia francesa para xóvenes talentos musicais.

Sinsal Son Estrella Galicia é un evento único en Europa en concepto e forma. “Non somos un festival indie nin de músicas do mundo, nin de jazz…A nosa identidade é ofrecer en San Simón concertos para todos os gustos. Haberá moitas propostas instrumentais pero tamén unha representación interesante dos novos xograres do século vinte e un. O 90% dos artistas estarán presentes nos mellores festivais de España e Portugal como o Grec de Barcelona, o Jazzaldia de Donostia, La Mar de Músicas de Cartaxena ou Sines”, explicou Xulio Gómez.

“Este ano contaremos con dezanove artistas diferentes e procedentes de Espña, Portugal, Francia, Reino Unido, Lituania, Exipto, Zimbabwe, EUA, Canadá, Chile, Brasil e Arxentina. Haberá tres escenarios: o Son Estrella Galicia, o New Balance e o Paseo dos Buxos.

Mulleres no festival

Sen desvelar o cartel, como é norma do festival, Xulio Gómez destacou a relevancia das mulleres un ano máis na nova edición de Sinsal Son Estrella Galicia. Neste sentido o festival traballa en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para visibilizar a creación musical feminina na actualidade. “Este ano contaremos con varias artistas que son e serán referencia da música internacional”, di Gómez.

Neste momento as entradas para o festival na xornada de sábado 23 de xullo están esgotadas, así como todos os abonos e as entradas de menores a prezo especial de domingo. Quedan á venda ao redor de 150 entradas para o venres 22 e 100 para o domingo 24, á venda na plataforma ticketea. Entre as novedades, a goleta fletada desde Vigo o sábado, cuxas pasaxes xa están esgotadas, pero que estará fondeada na Illa de San Simón durante á xornada para ofrecer paseos pola enseada ao público dese día. Tamén está esgotado o pack camping en colaboración co camping Cesantes.

Apoio institucional

Mentres Pablo Tojeiro de New Balance subliñou a complicidade entre a marca e o festival, Xabier Alonso, concelleiro de Cultura de Redondela, destacou as orixes do festival na illa e a importancia que ten para a vila a celebración do evento. O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, sinalou que se ben Galicia precisa de festivais masivos, “o modelo San Simón é moi necesario, vinculado a valores de sustentabilidade, familiares, ao territorio”. Lorenzo mostrou o orgullo institucional de contar cun festival coma este. “Queremos que sigades. Sabemos das limitacións, pero tamén sabemos que esas limitacións contribúen en boa medida ao atractivo do festival”, dixo.

Foi a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a encargada de pechar a rolda de prensa e o fixo cun alegato a favor dos valores culturais e sociais das Rías Baixas e da música. “Vivimos nun área que é cultura, historia, lingua, ideas, capacidade de innovar, etc. E todos eses valores son Sinsal Son Estrella Galicia”, comentou reafirmando a necesidade de promoción conxunta co exemplo da campaña dos Festivais Rías Baixas. Carmela Silva que anunciou que en 2016 ela estará na illa de San Simón ensalzou o papel da música na vida cotiá e das “loucuras, sen elas non nacerían proxectos que logo se converten en referencias internacionais coma este”.