Sinsal SON Estrella Galicia en Vigo o 6 e 7 de outubro en Vigo

Sinsal SON Estrella Galicia celebra este ano o cambio estacional festexando a riqueza dos sons de hoxendía e presentando unha selección dos mesmos ao público en espazos singulares. O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, coa complicidade do seu patrocinador principal, esténdese os días 6 e 7 de outubro aos barrios de Alcabre e Bouzas, en Vigo, cun programa de concertos e actividades que se desenvolverá no Museo de Mar de Galicia e nos estaleiros Freire e Cardama.

Dúas xornadas e dous espazos diferenciados, un institucional con titularidade da Xunta de Galicia, e outro empresarial-privado, para un programa que discorre por sons de Galicia, Brasil, Islandia, Taiwan ou Andalucía e que permite adiviñar un forte abrazo entre o tradicional e a experimentación. Cun aforo limitado a catrocentas persoas, o evento outonal conta cunha parte da programación de acceso libre o sábado 6 de outubro.

Desde as 13:00 horas e até as 18:00, o público pode participar de maneira gratuíta de diferentes actividades didácticas e concertos nos xardíns e no interior do Museo do Mar de Galicia. Tamén está prevista pola organización do festival unha selección gastronómica con bo produto a prezos razoables. A partir das 18:00 comezarán os concertos de pagamento. O domingo 7 ás 13:00 celebraranse dous concertos en dous estaleiros: Astilleros Cardama e Freire, ambos na avenida de Beiramar no barrio de Bouzas.

Se no mes de xullo, Sinsal SON Estrella Galicia converte a illa de San Simón na súa cabeza de cartel, en outubro a marca continúa ligada ao patrimonio do mar. Desta volta en dúas instalacións emblémáticas como o Museo do Mar de Galicia, deseñado nos primeiros noventa por Aldo Rossi e César Portela no solar do antigo matadoiro da parroquia viguesa de Alcabre, e os estaleiros Freire e Cardama, a fachada industrial da vila de Bouzas, que se converte en escenario musical o domingo 7.

Nuns días, programa completo e entradas á venda.

O evento conta co patrocinio de SON Estrella Galicia e Grupo Viqueira así como do Museo do Mar de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta. Colaboran Construcciones Navales Paulio Freire e Cardama Shipyard.