Sinsal SON Estrella Galicia, Mellor Festival Formato Pequeno #IberianFestivalAwards

O mércores 13 de marzo pola noite o Festival Sinsal SON Estrella Galicia recibiu o Premio ao Mellor Festival de Formato Pequeno en España nos Iberian Festival Awards, nunha gala que se celebrou no Teatro Afundación en Vigo. Estes premios, organizados pola organización TalkFest (International Music Festivals Forum), recoñecen o traballo dos festivais portugueses e españois. Teñen un prazo de voto aberto e unha fase posterior de selección dos proxectos por parte dun xurado; en cada categoría prémiase a dous festivais, un deles no ámbito do anfitrión. En 2019, o festival que organizamos desde 2010 na Illa de San Simón (Redondela), mereceu ser distinguido como o mellor formato pequeno en España.

Os premios son unha cuestión relativa, pero, obviamente, sentimos moita alegría. Para nós esta é unha oportunidade de comunicarnos con vós de maneira sentida e directa, para darvos as grazas. E dunha maneira moi afectuosa, crédenos. Os premios recórdannos as redes, os apoios, as colaboracións, as complicidades e, sobre todo, que non hai proxecto sen equipo. E o equipo Sinsal SON Estrella Galicia medra cada ano.

Patrocinadores, colaboradores, empresas e institucións, medios de comunicación e xornalistas e, por suposto, ese pequeno, pero gran público,

en nome de todo o equipo organizador de Sinsal SON Estrella Galicia, grazas de corazón.