Andainas Sinsal SON Estrella Galicia 2018 en San Simón
Adentrarnos na Illa de San Simón, na súa paisaxe, arquitectura, historia e contorna, é un dos obxectivos do Festival Sinsal SON Estrella Galicia. Na edición 2018 propoñemos ao noso público a posibilidade de participar en andainas guiadas por un espazo, que en 1999 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) polo goberno galego e a illa e a súa enseada forman parte da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. Coordinadas por Iria Vázquez, artista, investigadora e especialista en Arte e Paisaxe, as andainas terán lugar entre as 14h e as 15h do sábado 28 e domingo 29 de xullo. Están limitadas cada unha a 25 persoas e precisan inscrición previa no correo info@sinsalaudio.org co asunto: Andainas Sinsal San Simón 2018.
Explícanos Iria Vázquez que “nestas visitas queremos incidir sobre a natureza singular da illa mostrando a converxencia e convivencia entre a experiencia do lugar, a súa calidade paisaxística e arquitectónica, cos feitos históricos, sociais e culturais adheridos a este escenario único na península ibérica”. As andainas terán varias paradas nas dúas illas (San Simón e San Antón) e Iria Vázquez estará acompañada do co-director do festival Julio Gómez e outras persoas convidadas.