Barcos, entradas, prezos: a vosa avaliación Sinsal 2017

Durante o mes de agosto respondíchedes á enquisa de valoración Sinsal Son Estrella Galicia 2017, que se celebrou do 21 ao 23 de xullo na Illa de San Simón (Redondela). Máis da metade, un 58%, nunca estiverades no festival. Un 82% dos enquisados repetiríades no festival. Pero aquí cómpre abordar os comentarios que máis se repiten na enquisa: o transporte á illa, a plataforma de venda de entradas, o prezo das mesmas, composición do cartel, comida, etc.

Para ir a Sinsal Son Estrella Galicia non só é necesario un barco senón que é preciso establecer horarios. O transporte ao festival está suxeito ás reglas do tráfico portuario, á dispoñibilidade e características dos barcos (calado, etc), e ás das propias mareas. É imposible para a organización satisfacer necesidades particulares; sabemos que na maioría dos festivais podes entrar cando queiras coa túa entrada, en Sinsal non. Procuramos cada ano mellorar a xestión nos portos na ida e na saída da illa ao remate da xornada, pero non é posible deseñar horarios ao gusto de todo o mundo nin transportar á terra a setecentas persoas ao mesmo tempo unha vez rematados os concertos. Faise de maneira gradual e nos horarios establecidos na vosa entrada, dando a oportunidade a boa parte dos asistentes de disfrutar da illa un anaquiño máis de tempo antes de partir.

Respecto da venda de entradas en 2017, pedimos disculpas no seu momento e volvemos facelo agora xa que é un dos comentarios que máis se repite na enquisa. A demanda de tickets para o sábado aumentou de tal maneira que provocou que en certos momentos a web do festival se caíra ou que na plataforma de venda aparecese de forma continua: “esgotado temporalmente”. No momento de comezar a venda, houbo máis de 2.000 peticións de acceso. Disculpade as molestias e que sentirades certa desesperación. O motivo non era outro que garantir o remate exitoso dos procesos de venda. O sistema daba dez minutos para finalizar a compra e vai controlando as operacións en curso en relación co aforo. Por esa razón bloqueábase para os que queríades iniciar a adquisición de entradas. Estudamos mellorar a fórmula de compra de cara a 2018.

Algúns apuntades o prezo das entradas como “alto”. Queremos explicarvos que o festival ten un custos de produción elevados, cunha loxística condicionada pola illa. Ademais disto e dos cachés artísticos, outros custos importantes son os impostos (21% ive), dereitos de autor e aluguer de barcos. O transporte ao festival está incluído na vosa entrada; para que podades comparar, sinalamos que un billete comercial en barco ida e volta entre Vigo e Illas Cíes (aproximadamente a mesma distancia que entre Vigo e a Illa de San Simón en Redondela) ten un prezo de 16 euros.

O orzamento do festival procede nun 35% de patrocinio privado, un 25% público/institucional e o restante 40% da venda de entradas e barra. Así que grazas ao compromiso dos nosos patrocinadores privados, Son Estrella Galicia e New Balance, e ao apoio institucional do concello de Redondela, Deputación de Pontevedra e á convocatoria de axudas a festivais da Agadic (Xunta de Galicia), a entrada ten ese prezo. Sabemos que valorades a singularidade do proxecto, o aforo limitado e a delicadeza do espazo (Ben de Interese Cultural).

Preguntámosvos na enquisa pola composición do cartel 2017 e os tres concertos que aparecen como máis valorados son o de María Arnal i Marcel Bagés (apertura de xornada do venres), o do gañador do Grammy Fantastic Negrito (o sábado) e o dos de Athens, a banda Of Montreal, que bordaron o fin de festa o domingo. Concentran preferencias tamén, a seguir, os concertos de Systema Solar, Anna Meredith, Orchestra of Spheres ou The Barberettes.

Queredes que o festival sexa máis sostible; pedídesnos máis puntos para os resíduos e máis cinceiros. Na organización do festival apostamos por reducir resíduos, non xerar máis. A solución non é só recollelos, senón non producilos. A organización pon a disposición do público cinceiros portátiles; pedimos disculpas se moitos dos asistentes non o saben, erro de comunicación. En relación á oferta gastronómica do festival, introducimos cada ano algunha novidade, pero pensamos que é diversa e con boa relación calidade-prezo. Algúns de vós pedides máis variedade, pero temos un espazo reducido na illa e debemos ser responsables desde un punto de vista ambiental e económico, tamén pensando nos provedores que acoden ao festival.

Por último, dúas notas secundarias pero que se repiten nas vosas enquisas. Unha é sobre o comportamento dunha parte do público e o seu desinterese pola música. Un debate a agromar, neste e noutros festivais e concertos, que merecería un punto e aparte. A outra nota que apuntamos no noso caderno 2018 ten que ver coa memoria histórica na Illa de San Simón; aprezades o traballo do festival na súa divulgación (incluso algúns recoñedes que o festival descubriuvos a intensa historia deste anaquiño de terra) e nos pedides máis implicación e actividades.