Esgotadas as entradas. Grazas!

Por primeira vez desde que botou a andar na Illa de San Simón (Redondela), o Festival Sinsal Son Estrella Galicia vendeu xa todas as entradas para a edición 2016. O festival celébrase os días 22, 23 e 24 de xullo, cun límite de aforo de 800 persoas por día que acoden á illa nos barcos da organización sen coñecer o cartel. En 2015 o Sinsal Son Estrella Galicia recibiu o Premio Fest ao Mellor Festival de Formato Pequeno en España.

A primeiros de abril saíron á venda os bonos de 2 e 3 días do festival e a mediados dese mes saíron as entradas de día. O 28 de abril os abonos e a entradas de sábado 23 esgotáronse.Na noite do sábado 18 de xuño vendéronse as últimas entradas dispoñibles para o domingo 24 de xullo no Festival Sinsal Son Estrella Galicia e o 17 de xullo aconteceu o mesmo coas do venres 22. En definitiva, o festival do cartel secreto colga en 2016 o cartel de “sold out”.

Sinsal Son Estrella Galicia é un evento único en Europa en concepto e forma. “Non somos un festival indie nin de músicas do mundo, nin de jazz… A nosa identidade é ofrecer en San Simón concertos para todos os gustos. Haberá moitas propostas instrumentais pero tamén unha representación interesante dos novos xograres do século vinte e un. O 90% dos artistas estarán presentes nos mellores festivais de España e Portugal como o Grec de Barcelona, o Jazzaldia de Donostia, La Mar de Músicas de Cartaxena ou Sines”, explicou Xulio Gómez, codirector do festival.

Este ano achegaranse á Illa de San Simón dezanove artistas diferentes e procedentes de España, Portugal, Francia, Reino Unido, Lituania, Exipto, Zimbabwe, EUA, Canadá, Chile, Brasil e Arxentina. Haberá tres escenarios: o Son Estrella Galicia, o New Balance e o Paseo dos Buxos. Así mesmo haberá actividades familiares os tres días e o sábado 23 unha goleta estará fondeada na illa ofrecendo a posibilidade de facer unha ruta con degustación pola Enseada de San Simón.

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia conta con dous importantes patrocinadores privados: Son Estrella Galicia e New Balance. Así mesmo conta co apoio institucional da Xunta a través de Agadic, concello de Redondela e Deputación de Pontevedra.