Recordo gravado: Son en cera con Aleksander Kolkowski

Aleksander Kolkowski estará en Sinsal SON Estrella Galicia 2018 do xoves 26 ao domingo 29 de xullo. Compositor, violinista e investigador, o seu proxecto de maior envergadura até hoxe é Phonographies, un arquivo de músicos contemporáneos, artistas e escritores gravados exclusivamente en cilindros de cera. Músicos e poetas deixarán rexistro nos cilindros de cera do británico Aleksander Kolwoski, que chega á Illa de San Simón grazas á colaboración do programa PICE de Acción Cultural Española (AC/E)

Na nosa era dixital, os dispositivos de audio que pensabamos obsoletos rexurdiron de maneira espectacular; están producíndose de novo discos de vinilo e cintas de cassette, volven a mercarse en grandes cantidades e convertéronse en obxectos de culto, o cal non é unicamente unha resposta á mundana ubicuidade dos medios dixitais e para o consumo de masas, senón que tamén revela unha irresistible dependencia do soporte físico. Despois de todo, gozar, coleccionar e compartir música gravada foi durante grande parte da súa historia unha actividade multisensorial. A gravación pre-electrónica sobre cilindro pode parecernos arcaica, cos seus sucos en espiral de fendedura sonoras gravadas acusticamente sobre unha substancia de cera, sen nengún tipo de amplificación electrónica, mais pode ofrecernos hoxe en día unha nova experiencia de escoita.

O proceso de gravación acústica pode resultar primitivo desde o punto de vista dos estándares modernos, pero capta a esencia, a personalidade e o detalle suficiente para poder apreciar os sons reproducidos e a música. Porén, trátase en gran medida dunha impresión sonora máis que dunha representación clara e realista do que foi gravado orixinalmente. A baixa fidelidade ten algúns beneficios; os ruídos da superficie inherentes á gravación e reprodución de cilindros funciona de dúas maneiras significativas: crea unha ilusión (ou realidade) dun tempo pretérito —o ruído é como unha pátina, marcas sonoras de sufrimento, desgaste e envellecemento.

Estes ruidos tamén actúan como unha malla ou un veo a través do que nos esforzamos para escoitar os sonidos gravados e este efecto de enmascaramento auditivo convídanos a escoitar a gravación con máis atención. O cilindro esixe unha forma de escoita profunda que está tinguida de sons da historia de fabricación e emprego do propio medio. En lugar dos sons amplificados, mellorados electronicamente e hiper-reais aos que estamos sometidos na nosa vida cotiá, o cilindro de cera é capaz de reproducir un son moito máis cercano a un recordo desdebuxado.

Dende aproximadamente o ano 2000, fixen música que utiliza instrumentos e máquinas da era pre-electrónica e de principios da era electrónica de gravación e reprodución de son. Este traballo explora frecuentemente técnicas de gravación arcaicas que poden ser utilizadas co fin de ‘envellecer e deteriorar’ o son, en correlación coas artes visuais no que se refire á desintegración deliberada e o proceso de decadencia, en como a manipulación temporal é posible dentro dunha composición: ser transportado ao pasado, e de novo de volta ao presente a través de medios de gravación de son do pasado. Nun traballo de hai pouco tempo, tratei de transformar un medio de gravación de sondo físico nun palimpsesto auditivo que contén múltiples marcas de son. O proceso utiliza os conceptos de borrado, sous rature, recordo e deterioro como base para composicións de son que son gravadas, borradas parcialmente e despois volven a gravarse en capas ou superpostos en cilindros de cera, discos ou cinta magnética e tamén en soportes que non son de audio, como a película radiográfica exposta.

Aleksander Kolkowski, xuño 2018