Esteban & Manuel son un fenómeno da música que procede da Coruña. E este ano véñense ao Play-Doc co seu estilo de música tropical, que eles mesmos denominan cumbiatune. O Festival Internacional de Documentais Play-Doc sempre se caracterizou por conceder un lugar especial á música; nesta edición ademais do xa anunciado concerto en exclusiva dos estadounidenses Rubblebucket o sábado 28 de abril na Sala Metropol, a organización aínda reservaba un as musical na manga. En colaboración co Sinsal SON Estrella Galicia, un evento irmandado con Play-Doc na súa vontade de descubrir talento creativo nun ambiente relaxado e coa proximidade do público, o festival de Tui presenta esta proposta de baile ao aire libre para o mediodía do martes 1 de maio, xornada de clausura do festival.
Con espírito de verbena, claro. Diso se trata con Esteban & Manuel, que con temas como Ela namoroume poñen a toda a parroquia a bailar. Co seu primeiro disco “La banda sonora de tu día a día” (La Melona, 2017), Esteban & Manuel convertéronse nunha sorpresa non só no panorama musical galego, senón tamén fóra, especialmente tras o seu paso polo Monkey Week (Sevilla) o pasado ano. Sen complexos, estes dous amigos amantes da música latina con apariencia un chisco demodé, serán os encargados de traer a verbena ao 14º Play-Doc.