The Partisan Seed abre as sesións anecoicas do Sinsal Son EG 15

Hai quince días que o Festival Sinsal Son Estrella Galicia recibía en Barcelona un dos galardóns Iberian Festival Awards polo seu programa de actividades. As sesións na cámara semianecoica da Universidade de Vigo, que forman parte do mesmo, arrancan o 31 de marzo. The Partisan Seed, o proxecto do músico de Barcelos Filipe Miranda, estrea ademais unha liña de colaboración entre o Sinsal, que chega á edición quince, e o Milhões de Festa. Os pases, na Escola de enxeñería de Telecomunicacións, ás 11 e 12h. Mecanismo ruso será o seguinte en entrar na cámara o 28 de abril e unha proposta con danza e electrónica, de Juanma Lodo e Javier Martín, chegará o 26 de maio.

A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala, na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que practicamente non hai eco nin reverberacións. A actuación en directo require de coidado e adaptación; un reto para os músicos. Esta é unha das actividades que o festival programa anualmente en colaboración coa Universidade de Vigo e o centro de investigación AtlanTIC. A entrada é gratuíta, as sesións ás 11h e 12h, o aforo é moi limitado e as persoas interesadas en asistir deben escribir a info@sinsalaudio.org.

The Partisan Seed é un proxecto persoal de Filipe Miranda. O cantautor de Barcelos (Portugal) formou parte nos anos noventa do grupo Kafka, considerado pola crítica como unha das mellores bandas dos anos noventa no país veciño. En proxectos como Villa Nazca e Interm.ission ou á fronte de The Partisan Seed, o músico defende que desenvolver a súa música nunha cidade como Barcelos, lonxe dos grandes centros culturais, permitiulle maior autonomía e liberdade creativa. Música de carácter íntimo, unha sorte de folk atravesado pola voz envolvente de Filipe Miranda para a sesión anecoica do 31 de marzo..

Alianza co Milhões

A sesión anecoica de Filipe Miranda inicia unha liña de colaboración entre un festival galego e outro portugués: o Sinsal e o Milhões de Festa. Non se poden agachar as afinidades entre os dous. No caso de Sinsal Son Estrella Galicia, os seus directores Julio Gómez e Luis Campos, sinalaron en moitas ocasións que o cartel e a filosofía do festival de San Simón teñen un “alma xemelga” en Barcelos. O Milhões de Festa, promovido por Lovers & Lollypops desde 2006, comparte con Sinsal referencias musicais de todo o mundo e gusto por diferentes linguaxes artísticas. Esta sesión anecoica é o comezo dunha serie de iniciativas conxuntas que se desenvolverán entre os dous festivais durante 2017.

As sesións anecoicas continuan en Telecomunicacións o vindeiro 28 de abril con Mecanismo Ruso, proxecto levantado a dúo con guitarras acusticas e voz , e o 26 de maio co artista multimedia Juanma Lodo e o coreógrafo Javier Martín.