Dous premios Iberian Festival Awards 2017

Julio Gómez, codirector do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra anualmente na Illa de San Simón (Redondela), recollía na noite de onte xoves 16 dous galardóns Iberian Festival Awards. Nunha gala celebrada no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA), o festival foi premiado nas categorías de mellor activación de marca pola súa alianza con New Balance Iberia e polo seu programa de actividades culturais. Os premios, que celebran a súa segunda edición, están organizados por Aporfest (Associação Portuguesa de Festivais de Música) e Talkfest-International Music Festivals Forum. Cada categoría conta con dous gañadores, de Portugal e España. O Festival Sinsal Son Estrella Galicia celebra a súa edición 2017 do 21 ao 23 de xullo.

Un dos premios recibidos polo festival foi o de activación de marca, grazas á alianza do evento con New Balance España. Xunto con Son Estrella Galicia, a marca deportiva é unha das patrocinadoras principais do festival promovido por Sinsalaudio. Unha marca que se caracteriza pola comodidade, elegancia, fabricación, tecnoloxía e, como non, pola fidelidade do seu público. Valores cos que se identifica plenamente un festival como Sinsal Son Estrella Galicia. New Balance ten punto de distribución para toda a península en Redondela (Galicia), concello ao que pertence a Illa de San Simón, onde se celebra o festival, que conta co apoio institucional da Xunta de Galicia a través de Agadic, do concello de Redondela e da Deputación de Pontevedra.

O segundo premio recibido foi o referido ao Mellor Programa Cultural. Ademais do programa de concertos que se desenvolve durante os tres días, o Festival Sinsal Son Estrella Galicia propon outras actividades ao público aproveitando a experiencia diurna nun espazo único. En anteriores edicións as propostas paralelas do festival incluíron charlas e encontros, mostras de proxectos tecnolóxicos, teatro para familias, obradoiros de videoclip e DJ, paseos en kayak, xogos populares para os máis pequenos, etc, así como algunas actividades que viñeron da man dos nosos patrocinadores (cata de cervexas, sorteo zapatillas deportivas). Pero ademais o programa do festival inclúe as sesións anecoicas ao londo de todo o ano en colaboración coa Universidade de Vigo. Estes concertos teñen lugar na cámara semianecoica (con apenas reverberación) situada na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións do campus vigués.

Julio Gómez, codirector do festival, foi o encargado de recoller os dous galardóns o xoves 16 en Barcelona. Sumanse ao obtido polo festival a finais de 2015 como Mellor Festival de Formato Pequeno en España nos Premios Fest, organizados por By the Fest e asociación española de promotores musicais.

En 2017 o Festival Sinsal Son Estrella Galicia celébrase do 21 ao 23 de xullo en San Simón (Redondela). As entradas sairán á venda a principios de abril. Unha das singularidades deste evento é que o cartel é secreto; si, o público non coñece quen vai actuar até que desembarca en San Simón. O aforo do festival está limitado a 800 persoas cada un dos días. Nas últimas dúas edicións as entradas esgotáronse semanas antes da súa celebración.