Sinsal SON Estrella Galicia 2018: grazas!

Durante catro días o Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2018 converteu a Illa de San Simón (Redondela) nun espazo no que a música e unha amplo abano de actividades reuniron a máis de tres mil persoas. Nesta edición, o festival consolidou a súa ampliación a catro días, de xoves a domingo (con todo esgotado, salvo o xoves 26 con case setecentas persoas, repetiu seis grupos sábado 28 e domingo 29, instalou un sistema de pago electrónico e autónomo para o público que aforrou ringleiras e esperas e, en especial, estableceu unha serie de medidas planificadas durante todo o ano para facer do festival un evento máis sostible. No musical, a edición 2018 quixo ser un exemplo da diversidade musical dos nosos días, non só na procedencia xeográfica dos artistas senón na variedade de estilos e sons que arribaron á Illa de San Simón. Público, artistas, patrocinadores e proveedores fixeron posible unha edición sobre rodas: grazas!

Un dos mellores exemplos do inesperado foi a posta en escena do Proxecto Terra, de Ensemble Galería, o venres 27. Performance, danza e música contemporánea, con dezaoito intérpretes, para unha das propostas máis sorprendentes para o público. A diversidade do cartel secreto do festival (28 concertos en 4 días e 4 escenarios) recolleu sons de África, Australia, Europa do Leste ou Estados Unidos. Grazas a colaboracións como a de Casa África, cos concertos de Alex Ikot e Nelida Karr ,ou a do Festival de Ment (Eslovenia) coa cantante Кукла , o público puido desfrutar de artistas practicamente descoñecidos aquí. Dentro de Galicia, a colaboración con Estudios Mans da Fundación Paideia fixo posible o concerto dos navarros Doña, gañadores do concurso promovido por esta entidade, e a Fundación SGAE apoiou os concertos de Mordem e Patricia Moon.

Tamén desde África, concretamente Nixer, chegaron Les Filles de Illighadad, un grupo de mulleres tuareg que están introducindo o seu traballo en Europa e que deron o concerto de apertura de Sinsal SON Estrella Galicia o xoves 26 de xullo. Nunha xornada con especial protagonismo da memoria histórica da Illa de San Simón. Confluíron no mesmo espazo o investigador e músico británico Aleksander Kolkowski e o proxecto Son da Memoria do músico e profesor redondelán Seso Durán. Canda eles, poetas, investigadores, historiadores, músicos, etc que rexistraron durante a xornada diferentes textos (entre os que se atopaban cartas dos presos na illa tras o golpe franquista) e cancións nos ciclindros de cera de Kolkowski.

O cartel 2018 foi un cartel no que mulleres e homes repartiron protagonismo a partes iguais enriba do escenario nunha liña xa consolidada desde os inicios do festival, apoiada pola colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Side Chick, Papaya, Mordem, Marem Ladson, Mounqup e Rita Braga foron a mellor mostra da creatividade, bo facer e éxito das mulleres na música. O equipo do festival Sinsal SON Estrella Galicia está composto por un 60% de mulleres e un 40% de homes. Repetían o domingo 29 seis dos grupos do sábado 28, circunstancia que xa se ensaiara en edicións anteriores e que posibilita máis variedade de público ao longo do festival: o britanico Cosmo Shelkdrake, home das 30 voces que enfeitizou ao público e fillo de Rupert Sheldrake, autor da teoría do campos mórficos, os romenios Karpov Not Kasparov e o seu tecno a ritmo de xadrez, a cubana-francesa La Dame Blanche e a súa explosión sonora, Altin Gün, os turcos que puxeron a bailar o público coas súa psicodelia oriental, os galegos Esteban & Manuel, que seguen facendo fans para a cumbia-tune.

Tamén Nakhane repetiu sábado e domingo; na organización de Sinsal SON Estrella Galicia somos conscientes de que o concerto do músico, actor e escritor sudáfricano foi -se se nos permite- un “titular” neste festival e compartimos co público a sensación de ter vivido un momento único e irrepetible con este artista, en traxectoria ascendente e imparable, cuxo carisma e voz pararon o tempo na illa de San Antón. O peche desta edición 2018 puxéronno os holandeses Jungle by Night, 30 horas e cinco vos despois, aterrando da súa xira asiática na Illa de San Simón, coa súa fórmula funk-jazz que fixo do baile colectivo a mellor despedida.

Laboratorios e memorias

Nesta edición Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón, a novena se contamos a experiencia piloto en 2010 co concerto de Ariel Pink, a organización propuxo ao público “fóra de escenario” unha serie de actividades de experimentación, abertas e estendidas, máis alá do concepto obradoiro. Así tiveron lugar os laboratorios de sal e as performances colectivas con Arte y Garabato, a construción de escenarios familiares cos arquitectos de Sistema Lupo, as andainas para coñecer a illa de San Simón (con prazas esgotadas) con coordinación de Iria Vázquez, o achegamento ao mundo do viño con Galicia.wine e Adegas Terra , o proxecto da Facultade de Belas Artes e Campus Crea S2i da Universidade de Vigo na capela da illa de San Simón:” Zona intermareal”, con obras de Noa Rodríguez e Cristian Benítez e as sesións abertas cos rexistros en cilindro de cera de Aleksander Kolkowski. Tamén tivo presenza na illa a empresa galega de moda D-due, os artistas María Meijide ( que durante 4 días interpretou o festival en acuarela e tinta) e David Sierra foron os encargados de deseñar o merchandising e a través do proxecto sindesperdicios da EMAU, fabricáronse mochilas e bolsas con lonas recicladas, de anteriores edicións do festival.

Ademais, os dous principais patrocinadores privados do festival: SON Estrella Galicia e New Balance desenvolveron na illa unha serie de actividades moi participativas. Os talleres de música e cervexa de SON Estrella Galicia desenvolveron varias sesións cada un dos días con lista de agarda para participar e experimentar o paralelismo entre compoñer música e fabricar cervexa. Tamén listas de espera no stand de New Balance, cuxo obradoiro de creación de zapatillas en resina, coa orientación de dous expertos e a extraordinario recompensa de poder gañar a zapatilla real con deseño propio, fomentou a participación e creatividade de persoas de todas as idades.

Sostibilidade, retos, realidades e apoios

Sintonía con patrocinadores e colaboradores en 2018 para intentar facer un festival máis sostible. Esta foi unha das directrices de traballo nesta edición. A sostibilidade en todos os seus ámbitos, social, medioambiental e económico é un motor de cambio nos panoramas da sociedade actual. Sinsalaudio, empresa promotora do festival, está comprometida coa sostibilidade en todos estes ámbitos e especialmente no ámbito social onde a igualdade, a diversidade de xénero, a inclusión e a non discriminación son parte dos seus obxectivos. Esta política, é unha declaración do compromiso por celebrar eventos sostibles e é, tamén, un recoñecemento do impacto negativo que teñen estas actividades e o noso compromiso de minimizalo. En 2018 este compromiso traduciuse en diversas iniciativas como a reutilización de material, a eliminación dos folletos impresos, a promoción da mobilidade compartida, a eliminación do plástico na illa ou a contratación de persoal do concello de Redondela.

A marca Fest Galicia, que nomeaba un dos escenario do festival, promovida pola Xunta de Galicia de maneira transversal para apoiar e colaborar cos festivais galegos, tamén nesta dirección sostible, promoveu varias actividades como a campaña de dinamización lingüistica en eventos de ocio ou a de prevención e información contra agresións machistas. Con Fest Galicia tamén se está a levar a cabo un estudo do impacto socio-económico dun festival, no que confluíron trinta e sete empresas cos seus respectivos equipos de traballo, nove free-lance e sesenta artistas. Tamén a Deputación de Pontevedra tivo presenza en Sinsal SON Estrella Galicia, non só coa campaña de igualdade senón coas iniciativas medioambientais co lema #SomosHistoriasSomosSostibles.. Boa parte do público do festival achegouse con interese a ambos stands institucionais recollendo información e participando das actividades.

Patrocinios, alianzas
Ademais do papel fundamental do concello de Redondela e dos patrocinios principais públicos e privados (na presentación do festival o codirector Julio Goméz afirmou que sen SON Estrella Galicia e New Balance o festival non existiría tal como o coñecemos) nos últimos anos as colaboracións e apoios de diversas entidades fan posible medrar, non só en días e público, senón en calidade. apoio de Acción Cultural Española (AC/E) a través do Programa para a Internacionalización da Cultura Española (PICE) na modalidade de visitantes fixeron posible a participación de figuras de referencia do sector musical internacional: Michael Rosen, periodista alemán que escribe en Digital in Berlin, portal especializado en festivais e música en directo: Matjaz Mancek, director do Festival de Ment en Ljubljana (Eslovenia), un evento que se celebra a principios de ano e que se caracteriza por dar oportunidade aos sos emerxentes e ás novas bandas de toda Europa; Katy Lema, que escribe para El País, ten o blog Miss Festivales, e é autora de Festibook (Editorial Libros Cúpula, 2018); ademais, Chu Charles, xornalista especializado e promotor de artistas de Asia en Francia. Todos eles participaron nun encontro aberto no Festival Sinsal SON Estrella Galicia na tarde do venres 27 de xullo.

O escenario miradoiro Platú levaba o nome da xenebra galega que por segundo ano consecutivo patrocina este escenario no festival. En 2018, incorporáronse novas marcas ao noso proxecto como Adegas Terrae, Marlene, Organics by Red Bull, Wallicia ou Gures e outras como Gadis, Vermus Petroni, Café Sabora, Rodosa ou Cosferla que renovan as súas colaboracións.

A procedencia do público en 2018, moi semellante á de 2017: 35% provincia de Pontevedra, 30% provincia A Coruña, 25% Madrid, 5% resto de España, 5% fóra de España.

Cartel secreto Sinsal SON Estrella Galicia 2018:
Xoves 26/07: Les Filles de Illighadad, Son da Memoria, Alex Ikot
Venres 27/07: Ensemble Galería presenta Proxecto Terra, Doña, Nelida Karr, Side Chick e Papaya
Sábado 28/07: Cosmo Sheldrake, Mordem, Karpov Not Kasparov, Altin Gün, Patricia Moon, Esteban & Manuel, КУКЛA, Nakhane, La Dame Blanche, Donny Benét
Domingo 29/07: Cosmo Sheldrake, Karpov Not Kasparov, Esteban & Manuel, Altin Gün, Nakhane, La Dame Blanche, Marem Ladson, Mounqup, Rita Braga e Jungle by Night