6 iniciativas para #sinsalsostible
A sostibilidade e o desenvolvemento sostible xorden como alternativa ao concepto de desenvolvemento habitual e facendo énfase na reconciliación entre o benestar económico, os recursos naturais e a sociedade. En Sinsalaudio somos conscientes de que no campo da sostibilidade e o desenvolvemento sostible, somos alumnos ante un reto complexo e a longo prazo. Pero tamén temos moi presente que desde a cultura e desde os nosos eventos, podemos ser escola e podemos axudar sen dúbida a impulsar e provocar a concienciación, a reflexión e o debate sobre a sostibilidade -igualdade, economía circular, cambio climático- ao tratarse de espazos perfectos para as novas tecnoloxías, para a experimentación de novas solucións e modelos, que podan ser adaptados a unha sociedade máis ampla convertindo por tanto eses eventos en pioneiros cara un futuro máis eficiente e sostible.
Baixo o título #sinsalsostible enmárcanse as accións que deseñamos para esta edición 2018 do Festival Sinsal SON Estrella Galicia. Un total de seis iniciativas que poñemos en marcha e que abranguen as tres grandes áreas da sostibilidade.
Algunhas destas accións foron desenvolvidas a nivel interno e outras a través de colaboracións, pero en calquera caso a maior ou menor relevancia que se poda acadar en moitas destas accións vai depender do grao de implicación de todas aquelas persoas que dun xeito ou outros estamos implicadas no desenvolvemento do festival. Por iso é que desde aquí convidámosvos a todas a participar: empresas e entidades provedoras, patrocinadoras e colaboradoras, administracións, medios de comunicación, asistentes, artistas, etc.