Saían á venda hoxe martes 24 ás 12h as entradas para cada un dos días do Festival Sinsal Son Estrella Galicia e, en menos de cinco horas, esgotáronse as do sábado. O festival que se desenvolve na redondelá Illa de San Simón do 21 ao 23 de xullo, puxera a pasada semana á venda os abonos de 3 e 2 días, esgotándose nesa mesma xornada. A organización do festival anima ao público a asistir ao Sinsal Son Estrella Galicia o venres 21 e o domingo 23 de xullo, xornada para as que aínda hai entradas dispoñibles en ticketea.
O propio equipo do Sinsal Son Estrella Galicia está sorprendido da demanda de tickets deste ano. Para ilustrar o aumento da mesma, sinalar que en 2016 -o mellor ano de vendas até o momento- as entradas para cada día do festival saíron o día 15 de abril e as do sábado, que foron as primeiras en esgotarse, pecharon a venda o 28 de abril. Trece días frente ás menos de cinco horas que tardaron hoxe martes 24 en venderse a mesma cantidade de entradas. Desde a dirección do festival, disculpas para aquelas persoas que non conseguiron obter a súa entrada de sábado. Tamén é destacable a demanda xa no primeiro día de entradas para venres e domingo, que previsiblemente esgotaranse semanas antes da celebración do festival na illa de San Simón (Redondela).
Do 21 ao 23 de xullo chegarán á illa de San Simón unha vintena de artistas e grupos de diferentes puntos xeográficos e musicais para formar parte dese cartel que só se coñece ao desembarcar. Sábese que, como mínimo, haberá catro concertos o venres 21 en escenarios principais, sete o sábado 22 e seis o domingo 23; as actividades familiares terán lugar sábado e domingo. A novidade 2017 no Sinsal Son Estrella Galicia é o abono conxunto co Milhões de Festa (Barcelos, Portugal). Un abono que permite disfrutar do Sinsal Son Estrella Galicia o venres 21, inclúe desprazamento a Barcelos esa mesma noite, con acceso dúas noites ao festival portugués. Haberá palco Milhões na illa de San Simón e palco Sinsal en Barcelos.
Unha das singularidades do Sinsal Son Estrella Galicia é que o cartel é secreto; si, o público non coñece quen vai actuar até que desembarca en San Simón. O aforo do festival está limitado a 800 persoas cada un dos días. É importante que o que hoxe podemos desfrutar nós, poda continuar no futuro. Por este e outros motivos, Sinsal Son Estrella Galicia afástase da idea de festival multitudinario, ofrecendo unha serie de actividades nun espazo natural onde o público e o seu benestar son un piar central do proxecto. Nas últimas dúas edicións as entradas esgotáronse semanas antes da súa celebración.