Sesión Anecoica con Javier Martín e Juanma Lodo

Unha proposta que esperta curiosidade nas Sesións Anecoicas do Festival Sinsal Son Estrella Galicia. Así se presenta a proposta anecoica, con danza e electrónica da man do coreógrafo Javier Martín e o artista multimedia Juanma Lodo. Será o venres 26 de maio pola mañá na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. O aforo é moi limitado.

Así presenta Javier Martín a proposta, cunha investigación ao redor do que podería ser unha nova coreografía:

“Ejercicio de composición en vivo. Creación e investigación en comunidad de texturas de movimiento a través de la concentración física que propone el dispositivo de cara al desarrollo de una nueva coreografía, ‘método negro’ (estreno 2018). Un ejercicio de afinación cinestésica. Un trabajo que trata con el silencio, en la asunción de la intensidad y duración del propio cuerpo, hacia la entrega al movimiento que sostiene sus aspectos particulares desarticulando ritmos y patrones”.

O artista multimedia Juanma Lodo será o “interventor” sonoro nesta sesión anecoica. A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala, na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que practicamente non hai eco nin reverberacións. A actuación en directo require de coidado e adaptación; un reto para os músicos. Esta é unha das actividades que o festival programa anualmente en colaboración coa Universidade de Vigo e o centro de investigación AtlanTIC. A entrada é gratuíta, as sesións ás 11h e 12h, o aforo é moi limitado e as persoas interesadas en asistir deben escribir a info@sinsalaudio.org.