Sinsal SON Estrella Galicia agradece o apoio dos patrocinadores

A través da presentación o luns 23 de xullo na Estrella Galicia de Vigo, o festival Sinsal SON Estrella Galicia quixo agradecer publicamente aos patrocinadores o seu apoio ao festival. No acto, a só uns días de que comece o festival o xoves 26, contamos coa presenza de Victor Mantiñán e Pablo Tojeiro, de SON Estrella Galicia e New Balance respectivamente, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia, María Teresa Paris, concelleira de Cultura de Redondela e Águeda Gómez, responsable da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

“Sen SON Estrella Galicia e New Balance o festival sería imposible”, así de contundente foi Julio Gómez, director do festival. Os dous patrocinios privados convertiron as dúas marcas desde hai anos en parte integral do festival. Pola súa parte, concelleira redondelá María Teresa Paris, califica a proposta de Sinsalaudio na Illa de San Simón como moi importante para promocionar a contorna.

Agadic impulsou en 2018 a marca Fest Galicia con carácter transversal entre diferentes departamentos da Xunta de Galicia, entendendo os festivais como eventos de referencia. Jacobo Sutil, o director da Agadic, reseñou a presenza desta marca na Illa de San Simón a través de campañas de igualdade e normalización lingüística, que están a levar aos festivais galegos máis recoñecidos. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, ratificou o compromiso da institución provincial coa igualdade e cun festival que reune compromiso e talento. “Un proxecto integral de entender un territorio, compromiso coa provincia e con Galicia”, afirmou Silva, que considera que nun século no que o público demanda excelencia e diferenza, o festival de San Simón marca personalidade, dentro dos #RiasBaixasFest.

28 concertos en 4 días

O codirector de Sinsal SON Estrella Galicia Julio Gómez, subliñou os obxectivos de internacionalización e mobilidade da música galega por parte do festival, compartidos cos patrocinios e colaboracións, aos que o festival agradece enormemente o apoio. Cun recoñecemento especial á Xunta de Galicia, que permite a celebración do festival nun espazo tan privilexiado como é a Illa de San Simón.

800 persoas por día, unhas 3.000 en total pasarán polo festival, no que, salvo o xoves 26 para o quedan algunhas entradas, todo está esgotado.. Todo esgotado. 28 concertos en 4 escenarios, 22 artistas de Australia, Guinea Ecuatorial, Cuba, UK, Romanía, Eslovenia, Portugal, EUA etc. 4 grupos nesta edición tocan por primeira vez en España e 11 por vez primeira en Galicia. Unha proposta de actividades que repite colaboración coa Facultade de Belas Artes e a ESDEMGA, da Universidade de Vigo e que convidou ao investigador Aleks Kolkowski a gravar a poetas e artistas en cilindros de cera. Andainas, laboratorio de sal, performance, talleres co Sistema Lupo de arquitectura ou kaiak forman parte da oferta do festival alén da programación musical, secreta.

Sostibilidade social

Julio Gómez lembra a colaboración dende anos atrás coa unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para traballar a prol da igualdade das mulleres no proxecto. Colaboración que se veu reforzada pola implicación da Deputación de Pontevedra coa marca Rias Baixas Fest e a de Agadic-Xunta de Galicia coa marca Fest Galicia, apuntalando o compromiso do festival na acción positiva en igualdade. No programa artístico, 7 bandas lideradas por homes e 11 por mulleres. Nos equipos de traballo maioría de mulleres salvo, tal como indicou Julio Gómez, no capítulo técnicas de son.

A diversidade non é só a que se refire ao territorio senón á estilística, sinalou tamén. “A mellor forma de comunicar diversidade é non programar o mesmo estilo e rachar guetos”, desvelando ademais que a música clásica será apertura nunha das xornadas do festival. En relación ao medio ambiente o festival está fortemente comprometido cunha serie de accións e medidas como a eliminación de plásticos, a redución drástica da impresión en papel eliminando programas impresos, o vaso único, a reutilización de materiais, o fomento do vehículo compartido, etc.